I cognomi italiani (Apelidos italianos)
As cousas andan revoltas por Italia por cuestión dos apelidos. A Comisión de Xustiza do Senado italiano acaba de aprobar o texto da reforma do dereito de familia. E o problema está no asunto relacionado cos apelidos. Ata o de agora, os italianos sempre levaron un só apelido, o do pai. As mulleres ó casar tamén perden o seu apelido e pasan a levar o do seu home. E se a revolución xa estalou no Palazzo Madama entre os senadores, podemos imaxinar o que pasará agora na Cámara. Ou a reacción que vai causar na opinión pública se esta reforma se aproba e se converte en lei. Estamos falando dunha tradición milenaria para os italianos e hai que comprender, que aínda que a nós nos resulte raro o seu sistema de apelidos, para eles é o máis normal do mundo. Bueno, non sei se algunhas italianas opinarán o mesmo.
Pero a revolución parece que ha continuar aínda que se aprobe a lei. Porque se unha parella xa non se pon de acordo para poñerlle o nome ó fillo veredes o que pode pasar co apelido. A nova lei establece varias opcións. Os pais poden poñerlle ó fillo o apelido (un só) do pai ou ben da nai. Pero hai máis posibilidades. Tamén poden poñerlle os dous apelidos, primeiro o do pai e logo o da nai ou ó revés, co da nai ó principio. Pero claro, chegados a este punto xorde a pregunta ¿e se non se poñen de acordo na orde? Pois a lei, moi previsora, admite unha cuarta opción. Nese caso, a xustiza determina que os dous apelidos se ordenarán ¡por orde alfabética!
Para que logo digan os italianos que non teñen onde escoller. E é que o asunto é para rirse un pouco como fai Sebastiano Messina nun artigo da Repubblica. Traduzo aquí a última frase porque non ten desperdicio:
"AAA, mozo con emprego, acomodado e culto busca unha moza guapa, non importa a dote con tal de que os apelidos sexan da M á Z".
E eu penso, ¡pobres rapaces, que trauma van coller!
No hay comentarios:
Publicar un comentario