20 agosto 2006

O Prestige de Filipinas


A historia repítese a milleiros de kilómetros de distancia, en Filipinas. Pero a catástrofe é a mesma. Unha marea negra exténdese polas costas da illa de Guimaras, a uns 530 kilómetros ó sur de Manila.

As imaxes que nos chegan desde alí fan que nos lembremos o que vivimos os galegos co Prestige. Peixes e aves asfixiados por unha espesa capa de fuel. Xente recollendo coas súas propias mans o “chapapote”. Á miña cabeza volve a sensación de cando fun co resto da facultade a axudar na limpeza das costas de Aguiño, en Ribeira. A olor daquela substancia que invadía praias, cubría rochas e afogaba a vida. O esforzo de tantos voluntarios que semellaban formiguiñas brancas sobre o negro daqueles meses horribles.

O naufraxio do petroleiro M/T Solar I o pasado día 12 fixo que o mar se enchese dun manto negro de fuel. O buque atopábase no estreito de Guimaras cando foi alcanzado por grandes olas provocadas polo mal tempo. Transportaba arredor de 13.000 barrís que contiñan dous millóns de litros de combustible industrial. Os Servizos de Gardacostas de Filipinas estiman que pode tardarse ata dous anos en limpar o vertido do petroleiro.

A capa de fuel xa comezou a provocar danos no ecosistema mariño. E en consecuencia, a marea negra acabou cos recursos dos que vivía boa parte da poboación desta illa filipina. Máis ruina para unha poboación que xa vive en pobreza.

Para organizacións ecoloxistas como Greenpeace, o arquipélago filipino é o centro mundial de biodiversidade mariña. Pero agora, a situación píntase máis negra aínda que o color do que quedaron as costas.

As autoridades filipinas recoñecen que non dispoñen dos medios necesarios para chegar ó petroleiro, afundido a 915 metros de profundidade. Calcúlase que no seu interior aínda queda 1.703.340 litros de fuel.

En consecuencia, máis de 200 kilómetros de costa alcanzados pola marea negra, 15 kilómetros cadrados de arrecifes de corais afectados, unhas 1.000 hectáreas de reservas mariñas e 50 hectáreas de plantacións de algas danadas. Sen esquecer os efectos en polo menos dúas illas turísticas.

O gobernador da provincia, Joaquín Nava, afirmaba que “ata hai pouco, conseguimos saír de entre as 20 (provincias filipinas) máis pobres. Supoño que agora regresaremos”. E é que os sectores económicos máis afectados polo derrame son a pesca e mailo turismo.

Filipinas xa pediu axuda á comunidade internacional para facer fronte a esta catástrofe. Pero parece que non chegará unha marea branca como a que encheu as costas galegas para limpalas do chapapote. Os habitantes da zona teñen que facer fronte ó fuel con instrumentos rudimentarios, sen mascariñas ou traxes axeitados; expoñéndose aínda máis ós efectos negativos de respirar ese ambiente cargado do veleno do petróleo.


(fotografías: Axencias)

No hay comentarios: