27 agosto 2006

Nove meses ¿á deriva?


Lucio Rendón, Salvador Ordóñez e Jesús Vidaña e son tres pescadores mexicanos que remataron por converterse en verdadeiros heroes. Aínda que para outros son farsantes ós que acusan de non moi boas prácticas, por certo.

Estes tres mariñeiros partiron hai xa nove meses coa súa pequena embarcación a cazar tiburóns deste o porto mexicano de San Blas. O que parecía unha simple saída a faenar rematou nunha odisea polo Pacífico. Nove meses á deriva alimentándose exclusivamente de auga de chuvia e animais crús. Peixes voadores ou exquisitas gaivotas formaron parte do seu menú durante eses longos meses.

Segundo os mariñeiros, un fallo mecánico no motor da barca e as correntes mariñas foron arrastrándoos cara o oeste. Unha embarcación taiwanesa atopounos a uns 8.000 quilómetros de onde partiran. Chegaron desde as costas mexicanas ás costas da afastada Oceanía, concretamente á beira das illas Marshall.

Estas eran as primeiras noticias que nos chegaron. Para o informativo e para min, que me tocou facer esta información, foi unha noticia desas curioso-sorprendentes que tan ben acaen para o bloque de peche. Pero ó pasar apenas unha semana, os mariñeiros mexicanos volven estar de actualidade. Desta vez non por motivos tan bos. Choven as acusacións contra eles.

Os medios de comunicación mexicanos comezan a lanzar preguntas e afirmacións que conseguen envolver en misterio a historia destes náufragos. Xorden voces que os califican de presuntos caníbales, narcotraficantes e membros dunha banda internacional de pesca ilegal.

Xa ó principio, cando se soubo da súa aparición e da súa historia, algúns familiares afirmaban que non levaban nove meses desaparecidos, senón só tres meses. Puiden comprobar que eran bastantes os xornais dixitais de ámbito hispano que informaban que estiveran tan só tres meses perdidos.

Sábese que os tres homes partiron de San Blas acompañados por outros dous mariñeiros máis. Segundo a versión dos superviventes, os seus compañeiros morreron ó negárense a comer. Seica os velaron e os tiraron ó mar.


As acusacións sobre posible narcotráfico teñen a súa base na zona onde apareceron os mariñeiros, preto das Marshall. Parece que é un lugar onde adoitan operar redes de tráfico de drogas.

Así mesmo, os superviventes foron acusados de seren integrantes dunha banda internacional de pesca internacional de tiburóns e baleas.

Os tres náufragos negaron todas estas acusacións. Aínda que, ¿alguén esperaba que non fose así? Non me imaxino ós pescadores, diante das preguntas dos xornalistas mexicanos, responder así:

- ¿Son vostedes narcotraficantes?
- Pois..... si

- ¿E caníbales?
- ....tamén

- ¿Forman parte dunha rede de pesca ilegal?
- Bueno....., pode ser que si.


Por favor, aínda que sexan culpables non o van a admitir.

En canto tiven nas miñas mans as imaxes dos tres superviventes nunha escala no aeroporto de Hawai, na súa viaxe de regreso a México, asaltáronme varias impresións. A primeira é : que boa cara teñen para ter pasado nove meses aí perdidos no Océano cunha alimentación a base de animais crús. Na cara non se lle notaba nadiña. Vaia, que estaban ben lucidos, como se adoita dicir. Ó pasar nove meses comendo gaivotas e peixes crús, a min, cando menos acabarían repetíndome ou mesmo sentándome mal... Porque o lume, obviamente, nin a primeira chispa. Desviándome un pouco do asunto, véñenme á cabeza as imaxes dos participantes de realitys do estilo de Perdidos e Superviventes, que pasan menos tempo e volven cunhas faccións case que cadavéricas. Os tres mariñeiros, lonxe de aparecer algo delgados, tiñan uns mofletes eu diría que moi lucidos. Pero bueno, seica un recibira un cursiño de supervivencia. Parece que o aproveitou ben.

Logo, ó montar as imaxes para a noticia, xorde algún comentario máis. “Parece que non están tranquilos, están raros”, apunta a montadora. O certo é que parecían á espreita, cunha expresión rara.

Non sabemos se todas estas acusacións son certas ou non, pero os tres pescadores de San Blas son tratados xa como heroes. Moito misterio, moitas coincidencias e sombras sobre unha historia bastante peculiar. Fálase xa dunha película de cine sobre a súa odisea. Película non sei, pero argumento de telenovela si que ten!

No hay comentarios: