O lume ameaza a Galicia
(Este post tiña que saír publicado o sábado pasado, 12 de agosto, pero houbo problemas coas liñas telefónicas na Costa da Morte por mor dos incendios e non se puido publicar o blog)
Novena xornada de lume en Galicia. Máis dunha semana de loita contra as lapas que están arrasando as nosas paisaxes e que ameazan, perigosas, algunhas vivendas.
O tempo non axuda nin vai axudar. Non pode existir un cadro máis lamentable que o de ver arder boa parte da nosa Galicia.
Hai unha semana, no anterior post deste blog dicía que Galicia volvía arder. Naquel momento, víñanme á cabeza os incendios que sempre se producen no verán e que tantos estragos causan. Pero desta vez, a cousa xa non é así, é moito peor. Estamos no verán con máis lumes na nosa terra.
O luns pola mañá fun cubrir os incendios de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa. Desde que saímos de Santiago, o horizonte estaba sempre marcado por columnas de fume. Ó longo da AP-9 xa se podían ver os efectos dalgúns incendios: montes arrasados e sen vida.
Na saída da autopista cara a Caldas de Reis unha nube de fume escurece a mañá. Arde ós dous lados da estrada. Unha motobomba intenta que as laparadas non cheguen ó asfalto e non corten a circulación. Os coches pasan con medo, medo a ás lapas que se aproximan á autopista azoutadas polo vento. A motobomba marcha, non extingue o lume por completo. Seguramente noutra zona as cousas andan peor.
Ó chegar ó núcleo urbano de Caldas, a imaxe das montañas que o rodean con múltiples focos de lume contrastan coa tranquilidade da xente nun día de feria. Intentamos achegarnos a un dos focos, pero é difícil. Parece que tomes a dirección que tomes sempre vas seguindo o fume, pero de súpeto daste conta de que perde intensidade e que é na outra dirección. Seguimos conducindo por camiños entre aldeas e mesmo imos por unha pista de monte. Atopámonos coas chamas, que soben polas árbores e devoran o valume. O día non está para contos, o vento sopra forte e fai cambiar a dirección das lapas. O mellor é afastarse. Conseguimos dar cunha unidade de Protección Civil. Diríxese cara o Hospital Comarcal do Salnés. Alí, agardan máis voluntarios cun camión moto-bomba. Están cargando auga, pero tamén están descansando. Se é que se lle pode chamar descansar. Están tirados polo chan. Caras cinsentas e ollos máis vermellos co lume. Algúns intentan bromear logo de estar traballando sen parar desde o día anterior.
- Si gravásemos esta imagen nos daban el Pulitzer.
É o comentario do cámara que me acompaña. No chan, un mozo tirado, parece que durmido ou atontado polos efectos do lume, sen forzas e sen alento. Nada que se poida describir con palabras.
Esta é unha pequena escea de tantas e tantas peores que se sucederon ó longo da semana. Un xornal conta que o lume tamén vai por debaixo da terra. Unha nena sufriu queimaduras por mor disto. Cada vez que imaxino o lume xurdir de entre a terra, polas tobeiras, penso que iso só pode pasar nunha película de ciencia-ficción. Pero é real.
Todo isto sen esquecernos dos animais que teñen o seu hábitat natural nos montes galegos e as especies vexetais. Unha riqueza que desaparece consumida por unha marea vermella. Siluetas de árbores negras, difuminadas entre a fumarada que levanta o vento.
Non me podo esquecer da Costa da Morte, tamén castigada polos incendios. O venres, cando veño para Muxía o fume envolve todo xa no alto de Suxo. Non se ve xente forra. Primeiro porque non hai quen respire e segundo porque están axudando a apagar o desastre. Tamén houbo que desaloxar os campings do Lago e Leis polo perigo a que tamén chegue o lume. O vento arrastra ata aquí o fume dos incendios de Camariñas. ¿Falei no anterior post da miña teoría do pirómano da costa? Quizais non sexa exacta, pero, ¿por que zonas está a arder máis?
¿Quenes son os incendiarios?
Non hai un único perfil dos que se atreven a prender lume nos nosos montes. Pero podemos citar a xente que está descontenta porque este ano o concello non os contratou para as brigadas de extinción de incendios. Podemos falar, como non, tan de moda, dos intereses urbanísticos. ¿Por qué arde tanto en lugares da costa, zona do “boom urbanístico”? E ó mesmo tempo, ¿é casualidade que este ano arda tan preto das casas? Esta teoría pode funcionar nalgúns casos. Pero non nos esquezamos de que tamén sempre houbo xente que “lle fascina xogar co lume”. Falo dos pirómanos e de xente que de verdade ten problemas psíquicos. Poño por exemplo, o caso dun monte que ardía nesta zona todos os anos. E cando digo todos é todos. Os vecinos poñíanlle a culpa a un home. Esa persoa faleceu e ó verán seguinte o monte volveu arder. Non era el. Ó final colleron ó verdadeiro culpable in fraganti. Hoxe en día atópase nun centro psiquiátrico. E non nos olvidemos tampouco do “negocio da madeira queimada”. Os do sector din que isto non lles beneficia, que a madeira non serve. Non di o mesmo o propietario dun aserradoiro. “Esa madeira serve, claro que serve. Se se vende pronto non ten ningún problema, non lle afecta”. O venres, nun funeral, a un dos que andan no negocio da madeira non lle deixaba de sonar o teléfono móbil. As conversacións eran sobre ese tema, a xente quería vender de contado a leña.
Nestes momentos, mentres escribo o blog, vexo que segue ardendo en Camariñas. O fume vaise acercando a unha zona arrasada o verán pasado. Os aeroxeneradores do parque eólico de cabo Vilán moven as súas palas entre o vento mesturado co fume.
PD. Quizais é un post demasiado longo, pero non conta nin a metade do que está a pasar en Galicia nestes días.
No hay comentarios:
Publicar un comentario