14 julio 2006

Ghaviotas a terra, mariñeiros á merda!




Así din por aquí cando hai mal tempo no mar e os barcos non poden saír a faenar. Cando isto sucede, as gaivotas veñen voando terra adentro, chiando e avisando que o mar non está para contos.
Pois parece que as cousas cambiaron, non sei se polo cambio climático ou porque as gaivotas se volveron exploradoras e cambiaron os seus hábitos. O caso é que estes días hai unha gaivota que anda dando voltas por onda a miña casa, que aínda que non está moi lonxe do mar, tampouco está á beiriña como para que anden planenado as gaivotas por enriba do tellado. Hai un par de semanas, o día estaba borrascoso e a cousa parecía normal, unha gaivota en terra. Baixou voiando onda as galiñas, pero debeu sentirse como o parruliño feo que marchou ( bueno, a oca co seu tamaño considerable e cos seus gritos tamén contribuíu). Pero hoxe a condenada volveu e fai un día de moito raio, vaia, que se nota que estamos no verán. Achegueime á fiestra e vin que estaba o meu gato tomando o sol todo tranquilo e de súpeto, a gaivota aterrou onda o plato de comida do gato e... comeulle unha cabeza de xurelo que deixara alí Micky. ¡Como deben andar as cousas no mar para que unha gaivota lle teña que vir comer o peixe ó meu gato! O malo é que aínda non teño eu moita destreza como paparazzo e non puiden sacarlle unha foto in fraganti, co xurelolo no peteiro. Pero de todas formas, teño dúas imaxes. Unha do primeiro día preto das galiñas e outra cando xa debía ter o xurelo no bandullo pousada no poste da luz. Miña nai xa anda preocupada, non vaia ser que nos traia por aquí a gripe aviar.

No hay comentarios: