20 mayo 2007

Morreu Ramón Caamaño, o fotógrafo muxián



Hai unha semana deixounos Ramón Caamaño, o fotógrafo muxián que retratou mellor ca ninguén estas terras. Así era como el se presentaba nas súas tarxetas: “fotógrafo muxián”. O domingo pasado esa ollada incansable e orixinal pechouse para sempre. Sentín moita tristeza cando o souben. Para min el foi un gran fotógrafo e sempre levou consigo ese amor pola Costa da Morte. Un amor que se reflicte en cada unha das súas instantáneas. Todo o que significa a Costa da Morte, coas súas paisaxes, as súas xentes, os seus costumes e festas, os acontecementos destacados... todo iso pasou por diante do obxectivo da súa cámara. Sempre baixo unha ollada especial.


Acabo de volver a mirar o libro Ramón Caamaño, Historia viva da Costa da Morte. Esas fotografías de hai moitos anos, case todas feitas aínda cando eu non nacera. Son outros tempos, pero son o vivo retrato da miña terra.

Gústanme esas fotos de Muxía, as primeiras que sacou alá polos anos 20 e 30. Esas fotos que amosan como era a vila antes, e aínda que non debería mesturar ese tema aquí, antes do boom e do feísmo urbanístico. Esas fotos da Ribeira e das praia das Lanchas, unha praia que xa non existe, porque a comeu o mar, ou máis ben o cemento. Daquela Muxía era moito máis bonita, era unha vila mariñeira moi pequena e modesta, pero moi fermosa. Agora, xa non se asemella para nada a aquelas fotos. Cando eu tiña uns oito anos construíron un paseo marítimo que cambiou a liña do peirao e que comeu a pequena praia que aínda se vía nas horas de marea baixa ó lado do malecón. Agora, hai un par de anos, volveron a remodelar a fachada marítima e xa non queda nada daquelas fotos de Caamaño. O tempo pasa e a modernización chega, pero queda a nostalxia de ver como desapareceu o encanto e a esencia daquela vila mariñeira nun dos últimos recunchos da Costa da Morte.

Ramón Caamaño Bentín naceu no ano 1908 nunha casa que daba á praza do Cabo da Vila. O seu pai emigrou a Centroamérica, onde vendía o encaixe que a súa muller lle mandaba desde Muxía.

No ano 1924, Caamaño coñeceu á fotógrafa norteamericana Ruth Matilde Anderson. Foi daquela, con tan só 16 anos, cando Caamaño descubriu a súa gran paixón, a fotografía. Mercou a súa primeira cámara, unha Brownie-Kodak. Sen ningún tipo de formación comezou a fotografar as paisaxes de Muxía, as festas da Barca, os mariñeiros, as festas do Entroido... Comezou a sacarlles fotos á xente para ir gañando cartos. A fotografía xa non era unha afección para el, senón que se converteu no seu traballo. Marchou a Santiago a aprender o oficio, nada menos que ó estudio de Ksado, na rúa do Vilar.

Pero Caamaño tamén se interesou polo cine e proxectaba películas nas aldeas da zona. Cunha Pathe Baby proxectaba filmes nos bares, nalgunhas casas, nas escolas... A entrada custaba unha perrachica ou 5 alfinetes. Si, tamén cobraba en alfinetes, que logo lles vendía ás palilleiras. A xente destas vilas puido ver películas como El correo del Zar, Unha misión extraña, Charlot, Miguel Strogoff ou La Pasión de Jesucristo.

Caamaño foi un gran retratista. Á miña avoa sacoulle fotos en dúas ocasións e cóntame que preparaba moi ben á xente. No seu estudio tiña panos con decorados de fondo, estudaba a colocación das persoas, incluso ás veces peiteaba á xente. Tamén ía polas feiras e levaba mostras de fotos súas. Daquela, as instantáneas que sacaba a xente eran para mandar ós familares que emigraran, sobre todo a Buenos Aires. Todos os anos polas festas da Barca, Caamaño ía ó carón do santuario coas súas fotos.


Ademais de Muxía, Caamaño fotografou moito as zonas de Muros, Cee, Fisterra e Corcubión. Foi por alí, por Cee onde coñeceu a Teresa Louro, a súa muller.

Viviu moitos anos en Corcubión, pero no ano 2000 abriu o museo coas súas fotografías en Muxía. Foron moitos os domingos que Caamaño se achegaba ata alí, para falar coa xente, para contar tantas e tantas imaxes que pasaron diante do obxectivo da súa cámara. Son historias vivas capturadas nun instante en branco e negro.

Unha obra recoñecida, fotografías galardoadas, un premio que leva o seu nome, unha rúa, un instituto...

Podería contar moitas máis cousas del, pero todo se resume en que foi un gran fotógrafo e tamén unha gran persoa. Desas ás que da pena dicirlle adeus.

Caamaño reservou un nicho nun lugar alto, que mira cara o mar, ese mar das súas fotografías e que tanto mirou desde pequeño. E desde alí segue ollando Muxía, ese recuncho da Costa da Morte que el retratou con viveza en instantáneas en branco e negro.
(Sinto non poder colgar fotografías súas, pero na rede case non hai acceso á súa obra. E as fotografías que están colgadas non son das máis boas e representativas del. Intentarei seguir buscando, porque escanear as que teño en varios libros non van quedar tan ben)

1 comentario:

Brétema dijo...

Ola Cris!!! Supoño que a data de nacemento está errada... son destes fallos que non percibes... A min tamén me deu moita mágoa que morrera aínda que non son da Costa da Morte senón da outra punta de Galicia (dígámolo así). Pero é que hai xente que cala fondo.