
Aínda non falei nada no blog da decoración e da iluminación que invade este Nadal as rúas de Compostela. Ademáis das típicas luceciñas de cores penduradas en miles de sitios, o concello este ano lanzou unha novidade navideña. ¡Uns reno-cervos! E digo reno-cervos porque hai para gustos. Para uns son renos. Eses animaliños que tiran da zorra (trineo en castelán para os malpensados) de Papá Noel. Pero eu, a verdade, son máis da corrente defensora de que os animais decorativos son cervos. Dígoo polo tamaño, porque me parecen un pouco pequenos para seren renos. Pero en fin, mellor deixémolo en reno-cervos e así todos contentos. O caso é que esta parella de animais chantados en diferentes rúas de Santiago parecéronme orixinais. Hai que innovar e dar un aire novo á decoración navideña. Un dos reno-cervos está comendo herba. (Por certo, que a herba é natural, está comprobado). O outro, para min o máis chistoso ten a cabeza erguida, á espreita do que pasa ó seu arredor. Os animais son de arame branco e á noite ilumínanse para seguir chamando a atención. E vaia se chamaron a atención. Nalgunha xente provocan simpatía, outros pensan que é unha trapallada, pero cando dan tanto que falar será por algo. Tamén hai xente que sente a tentación de levalos para as súas casas. Iso lle sucedeu a dous mozos na madrugada do xoves para o venres. O factor movida santiguesa e a novidade dos reno-cervos decorativos foron unha combinación perigosa. Estou imaxinando a esas dúas persoas cargando co reno-cervo e de súpeto... hou-hou-hou, aparece a policía. O conto rematou coa detención dos dous mozos e cunha peculiar decisión do concello. Os reno-cervos, agora dormen ó cuberto. Á noite uns empregados recóllenos e devólvenos ó seu sitio cada mañá. E é que non sei que terá a parella de animaliños de arame branco, pero están a ser a sensación das festas do Nadal en Compostela. Seguirán dando que falar?
1 comentario:
A verdad 'e que son a rebelacion deste ano, o que pasa que van dar un traballo... Ah, a min tamen me parecen cervos
Publicar un comentario