26 octubre 2006

Galicia non se recupera

A terra xa non pode con tanta auga. E a xente tampouco. Galicia vive unha desgraza detrás doutra dende hai uns meses. Non temos respiro.

Unha tarde de pesadelo a primeiros de novembro cambiou a paisaxe das rúas de Cee. A xente asustouse ó ver que nuns minutos, a forte chuvia cubriu por completo o chan. A auga alcanzou varios metros de altura, anegou sotos, garaxes, baixos... Os coches navegaban polas rúas como se fosen gamelas. A enchente golpeou un camión contra o muro dun establecemento e a auga afogou todo o que alí había. Poderíase enumerar unha longa lista de desastres que aconteceron aquela tarde. Sen contar as xornadas duras de traballo dos veciños durante días para retirar a espesa capa de lodo que cubría todo.










Nin sequera os “homes do tempo” que se pasean polas televisións foron que de predicir esta desgraza. Seica foi algo imprevisible. Pero imprevisibles non son outras cousas. Por exemplo, que un río se ha desbordar se non se limpan as súas beiras. Que o río tampouco vai ser quen de levar tanta auga se lle estreitan o seu cauce. ¿Por que llo estreitaron? Pois para gañar terreo para construír edificios. O río que atravesa a vila de Cee transcorre encaixado por un estreito curso de paredes de cemento. Dende sempre me pareceu un río triste, sen vida, coas augas estancadas, sucias... O mar perdeu parte do seu espazo. A marea alta a veces tampouco perdoa. Alá polos anos setenta gañáronse ó mar uns 120.000 metros cadrados. O río e tamén o mar, por suposto, foron as vítimas. A estas alturas non teremos que explicar que é iso do boom urbanístico, ¿verdade? Falta unha ordenación correcta do territorio, estudos de avaliación e de impacto medioambiental. Non se pode ir en contra dalgunhas leis da natureza porque ó final é ela a que decide poñer de novo as cousas no seu sitio.





(Á esquerda, Cee hai 25 anos. Á dereita, imaxe actual da vila)

Parecía que os ánimos se ían recuperando e esta semana volveu o desastre. Xa non só en Cee, senón tamén en varios puntos da provincia de Pontevedra: Oia, Baiona, Soutomaior... A chuvia firmou a sentenza de morte para os bancos de marisqueo en varias rías.


A pregunta é inevitable. ¿Que zonas foron as máis afectadas polos lumes durante o verán? Non é unha coincidencia. Onde ardeu houbo inundacións. As cinsas chegaron ás rías e mataron o marisco. Chegaron ás rúas, tupiron sumidoiros...

Durante a vaga de incendios que afectou a Galicia durante o verán comezouse a falar disto. Temíase pola chegada das primeiras chuvias. Parece que daquela a cousa foi relativamente ben. Pero non tan ben cando chegaron as chuvias de verdade. Uns meses despois, cando xa case ninguén se lembraba dos efectos que podería ter a auga ó arrastrar as cinsas dos montes arrasados, chegou o verdadeiro desastre.

Naquelas dúas semanas críticas dos incendios, a Consellería de Medio Ambiente reuniu a un grupo de científicos e expertos. Investigadores das tres universidades galegas, membros do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas), expertos do Centro de Lourizán... Todos reunidos para intentar frear os temidos efectos da erosión nos solos queimados. Era a primeira vez que desde un organismo como a Xunta se reunía a un equipo de científicos deste tipo para asesorar e facer fronte a unha situación coma esta. Non se daría ningún paso sen eles.

Os resultados desa reunión urxente remataron coas seguintes liñas de actuación. Elaboraríase un mapa das zonas de maior risco de erosión. Ademais, xa nun primeiro momento se ía proceder a cubrir eses solos arrasados cun manto vexetal, para evitar que as cinsas foran arrastradas e que se perderan a riqueza, as propiedades e as sementes desa terra. Xa na primavera, levaríase a cabo a repoboación con especies orixinarias deses terreos.

A cousa non funcionou. Ou non se levaron á práctica as actuacións marcadas. O caso é que sucedeu o peor. A cinsa baixou arrastrada polos montes, fixo que se tupiran os sumidoiros, chegaron ás rías e mataron o marisco... A terra non foi quen de absorber tanta auga. Non estaba preparada, os incendios deixárona indefensa. Os ríos, rebordados, tampouco axudaron. O descoido da súa limpeza e o estreitamento do seu cauce natural remataron por devolvernos o que nós mesmos creamos. Non todos temos a culpa, pero hai alguén que si a ten.

¿Por que nos últimos tempos o nome de Galicia ten que ir asociado a numerosos desastres? Xa hai uns anos foi o Prestige. E desde o comezo deste verán unha longa lista: a vaga de incendios, o vertido químico da empresa Brentag no río Umia, os restos do furacán Gordon, as chuvias e as inundacións... ¿Que máis, Galicia?

(As fotografías desta páxina están publicadas en La Voz de Galicia. As imaxes das inundacións en Cee pertencen ó fotógrafo Xesús Búa e ó xornalista Eduardo Eiroa.)

No hay comentarios: