O can despertador
A semana pasada chegaron novos inquilinos ó 2º Esquerda. Non teño nin idea de quen son porque aínda non me crucei con eles polas escaleiras. Pero do que non me quedou dúbida é de que trouxeron consigo un cadeliño moi simpático. O animal é tan bo que non quere que ninguén se quede durmido polas mañás. Así que se o despertador falla non hai por que preocuparse, porque o can do 2º comeza a ladrar sempre á mesma hora: ás 8:45 da mañá. Xa non hai excusas para quedar nin un minutiño máis na cama polas mañás.
O xoves o cadeliño deleitounos con máis dunha hora de ladrido ininterrumpido. O venres tivemos a sorte de que o concerto matutino se reducise a “tan só” un cuarto de hora. ¡Menos mal que as fins de semana veño para casa!
A ver se me cruzo polas escaleiras e o coñezo. E digo eu, co frío que segundo din vai vir esta semana, ¿non se quedará un pouco afónico?

No hay comentarios:
Publicar un comentario